Pinceladas históricas
Ofrecémoslles as pinceladas dunha historia que se foi facendo realidade ó longo dos anos grazas á entrega e ó servizo desinteresado de moitas persoas na tarefa educativa. Unha historia que na cidade de A Coruña dura xa máis dun século. Unha historia cun rico pasado e un presente que aposta polo futuro…
A pesar da independencia das colonias, A Coruña mantivo a súa importancia mercantil ó longo do s. XIX e primeiras décadas do XX. A industria estivo representada pola Fábrica de Tabacos da Palloza, fundada en 1808 e pola Fábrica de Vidros na rúa do Hospital sobre a enseada do Orzán, fundada en 1830. Ambas as fábricas teñen que ver coa presenza das franciscanas en A Coruña.
O 7 de xullo de 1897, despois das xestións oportunas iniciadas xa en 1892, e vencidas as primeiras dificultades para a construción dunha parte da casa, faise a inauguración oficial.
A presenza das Relixiosas Franciscanas en A Coruña comezaba:
- Abrindo unha escola de Párvulos e Primeiro Ensino.
- Coidando durante o día aos nenos das cigarreiras e lavandeiras.
- Clases dominicais e atención ás mozas do servizo doméstico. Actividade que continuou ata que se instalaron na cidade as Relixiosas de María Inmaculada para o Servizo Doméstico en 1930.
-
Os estatutos tamén posibilitaban a preparación de señoritas para Mestras Normais.
Co triunfo da Segunda República iníciase un período difícil. Nos primeiros meses as relixiosas continuaron coas súas actividades, desposuídas dos hábitos e doutros símbolos delatores da súa condición. Esta situación continuou ata o 24 de maio de 1931, nesa data as relixiosas tiveron que abandonar o Colexio e despedir ás nenas e serventas.
Máis tarde, unha vez recobrada certa tranquilidade, intentaron continuar o seu labor docente pero tiveron que facelo nun local alugado, na rúa Marcial Adalid, nº 11 - 1º.
Ata 1938 o edificio de Rubine foi ocupado, pola falanxe primeiro e como hospital militar despois. O 15 de setembro de 1938 a Superiora da Comunidade eleva unha Instancia ao Director Xeral de Educación Primaria, solicitando que se reintegre a posesión do edificio, para os seus propios fins educativos. O Hospital foi desaloxado, volvendo a el a Comunidade e reiniciándose as tarefas docentes. De 1938 a 1957 prepárase ás alumnas para facer Bacharelato por libre. Con data 18 de xaneiro de 1958 o Centro obtén a aprobación para impartir de forma oficial o Bacharelato de Grao Elemental e o 17 de abril de 1959 para o Bacharelato Superior. Naquel tempo, as Relixiosas Franciscanas eran coñecidas como "Terciarias".
En 1960 exprópiase parte do patio e das aulas para a construción da Avenida Pedro Barrié da Maza (hoxe parte do Paseo Marítimo), quedando o colexio con poucos espazos para o número de alumnas matriculadas.
O 4 de agosto de 1970 apróbase a Lei de Educación Xeral Básica - E.G.B. (coñecida como lei Villar Palasí). As Franciscanas - seguindo o carisma da súa fundadora, e querendo dar resposta ós retos educativos que lle presenta - pensan no traslado do Centro ao Castro de Elviña, hoxe próximo á Universidade (campus da Zapateira).
A nova localización é un edificio amplo, cómodo e moi ben dotado, que responde ás esixencias da Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE). Posúe:
- Aulas amplas e luminosas.
- Biblioteca.
- Laboratorios.
- Aulas de Informática.
- Comedor.
- Pistas polideportivas.
- Polideportivo cuberto.
- Salón de actos.
- Zonas axardinadas.
- Unhas vistas excepcionais da cidade, ría e vilas limítrofes.
O Colexio “Sagrado Corazón” - Franciscanas, é un centro internamente coherente, baseado nos valores evanxélicos e nos criterios da Igrexa, coa peculiaridade propia da súa identidade franciscana.
Actualmente impártense os seguintes niveis:
- Educación Infantil.
- Educación Primaria.
- Ensino Secundario Obrigatorio.
- Bacharelato.
Os programas de cada nivel compleméntanse con actividades culturais e extraescolares segundo a idade dos alumnos.
No centro, ademais do ensino relixioso, a iniciación á oración e o compromiso, ofrécese ós alumnos, desde 6º de E. Primaria, a posibilidade de pertencer ós Grupos Cristiáns "ANAMO" (Ana Mogas). As actividades que se realizan nestes grupos teñen como finalidade a personalización e afondamento na fe a través de reunións semanais, encontros intercolexiais e campamentos de verán.
Seguindo o carisma da nosa Fundadora Mª Ana Mogas Fontcuberta de abrir a nosa oferta a todos os ámbitos da sociedade, acollémonos ao concerto educativo da Administración.
Actualmente e desde a nosa Proposta Educativa que opta por desenvolver nos nosos alumnos a capacidade de enfrontarse creativamente ás novas situacións e desafíos, facemos unha aposta de futuro incorporándonos á rede de centros plurilingües e á Plataforma Educativa dos Colexios de Franciscanas de España.