Queremos achergarnos ó “itinerario de María Ana Mogas como relixiosa educadora”. Auténtico camiño de buscas e respostas que nos pode orientar tamén hoxe en circunstancias distintas. Tradicionalmente distinguimos nel tres etapas:


Esta etapa abarca os quince primeiros anos da súa vida relixiosa, dedicados a dar forma á súa vocación educadora nos primeiros colexios nos que inicia a misión da Congregación, no marco xeográfico de Cataluña. Supón nela un gran esforzo de organización e capacidade creativa.

 

Aínda que durante estes anos desenvolve a súa misión en escolas subvencionadas e controladas polos concellos, logra ir creando nelas un estilo propio como centros de educación cristiá, nos que se dá:

 

  • Unha formación intelectual seria, que superaba en moitos casos os plans de estudo vixentes.
  • Un ambiente de cordialidade entre alumnas e profesoras, cun trato amable e próximo e cun gran respecto ás características persoais.
  • Un clima de estudo e traballo, cunhas normas de disciplina prescritas en Regulamentos congregacionais.

 

Para levar a cabo o seu proxecto de educar cristianamente ás nenas máis necesitadas, loitou insistentemente por manter a gratuidade dos centros, acolléndose a todo tipo de axudas e subvencións.

 

Outra das súas grandes preocupacións é a formación das relixiosas dedicadas á ensinanza, intentando que teñan a preparación adecuada para a obtención de títulos, conforme ás leis vixentes, e a súa preparación continua para unha mellor realización da tarefa educativa.

Querendo estender o seu “espazo educativo” viaxa a Madrid con outras irmás para establecer nesta diocese comunidades e escolas. A experiencia fundamental desta etapa constitúena dous centros de Madrid, dirixidos ambos por persoas segrares que non están en consonancia co seu proxecto de educación. Esta experiencia lévaa a unha serie de conclusións:

 

  • Que as circunstancias que concorren nestes centros non fan posible unha educación na súa liña vocacional, con carácter cristián e orientada ós pobres.
  • Que é necesaria unha auténtica comunidade onde se desenvolva un ambiente capaz de levar a cabo o seu ideal pedagóxico.
  • Que a tarefa educativa require nos educadores con vocación e ben preparados. Para iso asume, como tarefa propia e importante, a formación dos mesmos.
  • Todo Isto a leva a descubrir a necesidade de abrir centros propios.

É esta a etapa de plena madurez de Mª Ana Mogas, na que puido realizar o estilo de vida docente que sempre desexara.

 

Desenvólvese integramente en centros propios, que comezan cunha gran escaseza de medios e con dificultades de todo tipo, que soubo vencer grazas ó seu tesón e confianza na Providencia.

 

Abertos a todos, especialmente ós pobres e necesitados, pronto sobresaen pola súa organización, reflexo dos seus criterios pedagóxicos.

Creou neles un ambiente de sinxeleza e confianza, dende onde exerceu o seu maxisterio franciscano: “Presenza próxima que vai diante co exemplo”

 

Os aspectos fundamentais que evidencian os seus criterios educativos e as súas técnicas pedagóxicas concrétanse nos textos lexislativos que ela redactou para os colexios e nos numerosos testemuños escritos polos seus contemporáneos.

 

Como a educación era a súa vocación persoal, non se limitou á fundación de escolas, senón que quixo atender as mulleres marxinadas e necesitadas, dende iniciativas como o “Asilo de mozas serventas” de Córdoba, no que trataba de alfabetizar e educar cristianamente a estas mozas traballadoras; ou aos enfermos dende a atención a estes nos seus domicilios, dada a realidade social da sanidade española do s. XIX e o carácter de servizo amplo ós necesitados que caracteriza a familia franciscana. 

A súa sucesora, a M. Concepción Dolcet, continúa o proxecto educativo de Mª Ana, fundando colexios fundamentalmente en pequenos pobos de España rural de principios do século XX, de forma que son vinte e sete as fundacións, a maioría escolas pequenas, algunhas acompañadas de hospitais ou asistencia a enfermos, á morte de M. Concepción Dolcet.

 

A maioría delas hoxe non existen. As dificultades económicas, e ás veces ata políticas, acompañaron, como sempre, estas fundacións pero a coraxe e a total seguridade de que era obra de Deus, levounas a non cesar no empeño.

 

Empeño que a principios do século XXI continuamos nós, as irmás, en Misión Compartida cos laicos, en presenzas expandidas por moitos países: España, Italia, Portugal, Arxentina, Bolivia, Chile, Perú, Venezuela, Angola, Benín, e Mozambique. Ofrecendo nuns casos, dende corenta centros propios, a nosa Proposta Educativa a todas aquelas familias que confían en nós a educación dos seus fillos. En outros, dende numerosas presenzas e lugares, onde, aínda sen escolas, o noso estilo de educación faise presente.

 

 

 

Sempre segue resoando nos nosos ámbitos educativos as palabras que un día dixera Mª Ana ás súas primeiras fillas:

“EDUCADE MÁIS CON AMOR DE NAIS QUE CON RIGOR DE MESTRAS”

 

Ou as que a M. Concepción Dolcet adoitaba repetir ás educadoras do seu tempo:

 

“MIÑAS FILLAS, EDUCADE O CORAZÓN”